
ACCION SOCIAL BASKET XIRIA
É innegable o noso carácter deportivo pero cada vez máis arroupado e acompañado por unha visión e misión educativa e social, arraigada e consolidada. No que respecta á Área Social, o club considera que ten unha responsabilidade coa contorna social no que impacta a súa actividade e é por iso que desenvolvemos diferentes actividades e iniciativas coa finalidade de achegar á sociedade, aquilo para o que nos consideramos capacitados e para aqueles cos que sentimos identificados e sensibilizados.
As iniciativas sociais principais que desenvolvemos desde a Escola Basket Xiria son as seguintes:
- Creación do equipo ASPABER Basket Xiria (colaboración coa Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños durante máis de 8 anos)
- Colaboración con Cruz Vermella (campaña de xoguetes en Nadal)
- Colaboración con Cáritas (campaña quilo/litro), en colaboración con Caritas Interparroquiais de Bergantiños.
- Sensibilización con diferentes actos e reivindicacións sociais, especialmente pola Igualdade de Xénero e a loita contra a violencia de xénero. A Escola Basket Xiria, en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) do Concello de Carballo, incorporou en 2017 nas camisetas das xogadoras do recén creado equipo senior feminino unha imaxe símbolo da necesidade de concienciar neste aspecto a toda a sociedade, empezando polos que temos ó noso redor. De gran relevancia é a sensibilización e educación dos nosos rapaces e rapazas desde tódolos eidos (familia, escola, entidades coma a nosa, etc) sobre a importancia da igualdade nas relacións de convivencia e afectividade tanto no eido persoal como social. Deste xeito, contribuiremos a evitar condutas de violencia ou desigualdade no presente e no futuro.
- Charlas informativas de concienciación e sensibilización para xogadores, adestradores, directiva e nais e pais, relacionadas coa prevención de condutas aditivas e de rocha relacionadas coas novas tecnoloxías en colaboración coa Asociación Vieiro.
- Campaña de recoñecemento, posta en valor e visibilización do labor de entidades de carácter social da contorna nos descansos dos partidos de Liga EBA: Asociación Vieiro, Aspaber, Afaber, Apem, Íntegro, Cruz Vermella, Cáritas Aloumiños, Un paso Máis e Asociación Española contra o Cancro, entre outras…
- Voluntarios de Corazón Verde. Sección dos Voluntarios e Voluntarias que colaboran nas diferentres actividades da Escola Basket Xiria.
- Basket por Parroquias. Partidos de exhibición e actividades lúdico-deportivas en parroquias do Concello de Carballo, en colaboración cos Consellos Parroquiais de Carballo.
- Summer Basket Camp (Campamento de Verán). Ocupación do tempo de lecer e conciliación familiar e laboral).
- Día do Pequebasket (evento lúdico para nenos e nenas de 5 a 8 anos, celebrándose en 2019 xa a súa 7ª edición, con asistencia de máis de 700 nenos e nenas de toda Galicia).
Finalmente, destacar que son obxectivos e fins do club, potenciar, reforzar e afianzar diversos valores entre os nenos e nenas, mozos e mozas que forman parte da nosa entidade, facendo a nosa achega ás xeracións futuras, formando o que esperamos no futuro sexan cidadáns responsables, comprometidos e sensibilizados na construción dun mundo máis xusto, inclusivo e equitativo. É digno de destacar que moitos nenos e nenas comezan a súa andaina no club con 5 anos e acompáñannos en moitas ocasións ata a súa idade adulta.
De gran relevancia é concienciar, sensibilizar e educar nestes valores aos nenos e nenas que forman parte dunha entidade como a nosa, e influír positivamente no seu desenvolvemento persoal e nas relacións de convivencia que manteñen en todos os ámbitos da súa vida: familiar, comunitario, escolar, deportivo, etc.
“O deporte forxa persoas para a vida”