HISTORIA BASKET XIRIA

HISTORIA DO BALONCESTO EN CARBALLO - ESCOLA BASKET XIRIA

O comezo.

Para falar de Baloncesto en Carballo e na Comarca de Bergantiños, hai que remontarse á tempada 1980/1981, onde da man de José Luís Pose Blanco “Chochi” (ex futbolista profesional) fúndase o Bergantiños C.B., inscribindo a un equipo sénior Masculino (en categoría provincial) e outro Infantil Feminino na Federación Galega de Baloncesto

O Bergantiños C.B. mantívose co equipo sénior Masculino ata a tempada 1985/1986, dando paso e continuación ós xogadores, a partir da seguinte tempada, ao equipo Calvo Xiria dentro da sección de Baloncesto da A. D. Xiria.

Nos primeiros anos o nivel de esixencia tanto organizativo coma orzamentario estaba perfectamente cuberto, pero ao crecer o numero de equipos así coma o cada vez maior nivel deportivo supuxo un aumento progresivo dos orzamentos, sendo esta a principal razón para que nun momento determinado tornarase necesaria unha separación clara das partidas económicas de cada unha das seccións, chegándose a un punto no que cada unha delas debería regular e responsabilizarse da súa relación ingresos/gastos.

Esta decisión por parte da directiva, presidida por aquel entonces por

Luciano Calvo Pumpido, de facer que cada sección se autoxestionase significou un punto de inflexión crucial para a A.D. Xiria. Dunha forma clara a partir dese momento o nivel deportivo e a nosa implantación nas sociedades carballesa e bergantiñá aumentou ata levarnos, no momento actual, a ser o referente máis importante a nivel deportiva da nosa comarca.


O desenvolvemento, 1995-2005.

Neste decenio asentáronse as bases para unha estrutura máis forte e máis equipos. Pero o feito que marcou o despegue do baloncesto na comarca de Bergantiños foi o ascenso á 2ª División Autonómica na tempada 1994/1995. Con este paso, o baloncesto carballés deixaba de deambular pola división provincial e pasaba a competir por toda Galicia.

A consecución do campionato e o ascenso a 1ª Autonómica da man de José María Malvar (ex adestrador de 1ª División) supuxo o maior logro acadado por un equipo de baloncesto na comarca. O último partido de liga, disputado no polideportivo carballés, provocou un dos maiores cheos que se teñen rexistrado no Pavillón da Zona Escolar dende a súa inauguración. Ese mesmo ano, José María Malvar abandona a disciplina do Xiria, levando con el a un dos xogadores carballeses con máis proxección nese momento, Marcos Díaz Molk, ademais doutros coma Lucas Vilariño ou David Balseiro.

Na tempada 1996/1997 os carballeses lograron o terceiro posto na fase de ascenso á Liga EBA en Tui (Pontevedra), malia contar cun dos equipos máis novos e con menos experiencia da liga, sendo o adestrador Javier Cotelo e o coordinador da Sección de Baloncesto o ex xogador Primitivo X. Reguera Rodríguez “Primi”. A fichaxe de Miguel A. “Miki” Abarca e José M. “Pepe” Calvelo (ex xogadores da liga ACB) achegou a experiencia necesaria para consolidar o equipo carballés coma un dos mellores da categoría.

Nesta mesma tempada (1996/97), máis de 75 deportistas da comarca, coordinados e dirixidos por seis adestradores, e agrupados nos seis equipos da sección, practicaban o baloncesto en Carballo. Para desenvolver a súa actividade deportiva, empregaban as instalacións municipais do Pavillón da Zona Escolar e o Pavillón Bergantiños

Dende aqueles anos os equipos de baloncesto da Asociación Deportiva Xiria foron consolidándose de xeito lento pero con paso firme nos seus respectivos campionatos, ata converterse nun dos Clubs máis respectado en todas as canchas de Galicia.

 

O crecemento, 2005-2017.

O Club dou o seu gran salto na tempada 2005/2006. O día 7 de Maio de 2006 en Pamplona, quedará gravado en nós para sempre, xa que o Calvo Xiria da man de Óscar Lata Alonso, acadou o ansiado ascenso á Liga EBA, entrando así no reducido grupo de clubs en competición estatal, despois de sete temporadas pelexando na Liga 1ª Nacional.

Este período foi seguramente o máis relevante na historia da entidade, xa que ven marcado por este fito histórico que non se volvería a repetir. Que perdurou 6 anos e no que pasaron por Carballo numerosos equipos profesionais, ata a tempada 2012/2013.


Escola Basket Xiria.

O ano 2006, coincide coa creación da ESCOLA BASKET XIRIA, o novo Club, presidido por Diego Vázquez Reino (ex xogador e adestrador do club) aglutinaría os equipos de Base do Basket Xiria, e que ano a ano incrementa tanto o número de participantes coma a súa implicación e colaboración con outras entidades da comarca de Bergantiños e A Coruña.

Na tempada 2007/2008 o Club ficha novo adestrador para o equipo Sénior, Arturo Ferraces Martínez, adestrador de contrastada experiencia e saber facer que estivo durante 6 anos no primeiro equipo Calvo Xiria, para logo pasar a facer labores de director deportivo e profesionalizar a estrutura do Club. Esta decisión vai parella ao despegue do Club en categorías base e formación, cun aumento moi elevado de xogadores na canteira.

No ano 2007, Básquet Coruña e Escola Basket Xiria asinan un convenio de colaboración, pioneiro no seu deseño, ao propoñer a coordinación das estruturas de base de ámbolos equipos co obxectivo de facilitar a evolución dos xogadores máis prometedores das súas canteiras. Seis xogadores procedentes de Básquet Coruña chegaron a formar parte da plantilla de Liga EBA da Escola Basket Xiria.

Na Copa Galiza de 2008 acadou as semifinais (único representante da súa categoría en conseguilo nesa edición), perdendo contra o equipo de LEB Oro, C.B. Rosalía de Castro (de Santiago de Compostela), nun partido no que os carballeses aguantaron algo máis de medio partido ante os composteláns, sendo este o seu mellor resultado na competición copeira.

Nesa mesma liña, en xullo de 2015 formalizouse a sinatura dun proxecto de vinculación entre os dous clubs representantes do baloncesto carballés, Escola Basket Xiria e Club Baloncesto Artai, o que supón un logro importantísimo para o futuro deste deporte en Carballo e a súa área de influenza, ademais de colocar a capital de Bergantiños como un lugar de referencia na práctica do baloncesto en Galicia.

Como feito importante, cabe mencionar á xeración do 2000, os infantís que disputaron o Campionato de España de Clubs en Cambados no 2014 e logo volveron, xa como cadetes, a disputar outro Campionato de España, neste ocasión en Andorra en 2016.

O traballo coa canteira dende idades temperás, que acada o seu máximo expoñente cada 17 de maio no DÍA DO PEQUEBASKET, coa xuntanza en Carballo de centos de nenos procedentes de clubs de toda Galicia, é un dos piares que a Escola Basket Xiria quere reforzar de cara ao futuro. Sempre coa filosofía de dar saída aos xogadores máis prometedores de Carballo e manter o traballo cos equipos de base cos principios de máxima calidade formativa e ambición competitiva.

A destacar na tempada 2016/2017 a creación do primeiro equipo Feminino Sénior na 2ª División Autonómica, co patrocinio de Construcións Ramón Vázquez y Reino e a implicación directa polo deporte feminino do ex presidente Diego Vázquez, que reforzou a única categoría feminina na que non tiñamos presenza ata este momento. Un fito relevante que nesta tempada as xogadoras representaban o 49% dos 151 xogador@s federados do Club.


O futuro… 2017-2025.

“Temos moita historia, pero sobre todo moito futuro” (mensaxe da campaña de Socios na tempada 2015/2016)

Nesta tempada 2017/2018, histórica para o Club ESCOLA BASKET XIRIA, na que se creou a Sección de Laracha Basket Xiria (culminando así anos de traballo coas Escolas Municipais de Baloncesto), que pretende profesionalizar máis ainda o traballo realizada na canteira da Comarca de Bergantiños e xunto ás Escolas Municipais de Ponteceso, máis os equipos de Carballo estamos a piques de chegar ós 300 xogadores e xogadoras… nen@s, rapaz@s e moz@s que teñen un obxectivo común: divertirse XOGANDO ó BA LON CES TO.

Dende a Xunta Directiva, co seu Presidente Marcos Díaz Molk á cabeza, seguimos apostando polo crecemento sostido, a través de diversos convenios de colaboración (C.B. Artai, Club Basquet Coruña), tamén cos Concellos de Bergantiños: Carballo, Laracha e Ponteceso, así como colaboracións có CIM (Centro de Información á Muller) e outros proxectos sociais coma o equipo Aspaber Basket Xiria.

A base do noso proxecto deportivo, educativo e social, basease nun crecemento deportivo sostido. Cos mesmos valores que nos conduciron ata aquí: seriedade, compromiso, traballo en equipo, respecto e sobre todo, cariño, moito cariño a este deporte… e tamén ben suxeito na confianza que nais/pais depositades en nós, a través do traballo diario dos adestradores cós vosos fillos e fillas, coa vosa/nosa FAMILIA… o BASKET XIRIA.

O traballo que temos por diante toda a Xunta Directiva, é duro, pero apaixonante, así que HOXE MÁIS QUE NUNCA… FORZA XIRIA!!!


Texto publicado no albúm de cromos da ESCOLA BASKET XIRIA, tempada 2017/2018.


HISTORIA RESUMIDA BASKET XIRIA

Xa queda moi atrás a tempada 1984/1985. Nesas datas a ASOCIACIÓN DEPORTIVA XIRIA decidiu incluír o baloncesto na súa oferta deportiva para os mozos. O 25 de xuño de 1985, a directiva, presidida por Gema Paz Bello, inscribía os equipos cadetes masculino e feminino na Federación Coruñesa de Baloncesto.

Os éxitos non tardaron en chegar. Na tempada 1987/1988 o equipo cadete masculino lograba disputar o campionato autonómico ante os mellores conxuntos da comunidade autónoma. Pero o feito que marcou o despegue do baloncesto na comarca de Bergantiños foi o ascenso á 2ª División Autonómica na tempada 1994/1995. Con este paso, o baloncesto carballés deixaba de deambular pola división provincial e pasaba a competir por toda Galicia.

A consecución do campionato e o ascenso a 1ª Autonómica da man de José María Malvar (ex adestrador de 1ª División Nacional) supuxo o maior logro acadado por un equipo de baloncesto na comarca. O último partido de liga, disputado no pavillón carballés, provocou un dos maiores cheos que se teñen rexistrado no polideportivo municipal dende a súa inauguración. Ese mesmo ano, José María Malvar abandona a disciplina do Xiria, levando con el a un dos xogadores carballeses con máis proxección ata a data, Marcos Díaz Molk, ademais doutros coma Lucas ou Balseiro.

Na tempada 1996/1997 os carballeses lograron o terceiro posto na fase de ascenso á Liga EBA malia contar cun dos equipos máis novos e con menos experiencia da liga. A fichaxe de Miki Abarca (ex xogador da liga ACB) achegou a experiencia necesaria para consolidar o equipo carballés coma un dos mellores da categoría.

Dende aqueles anos ata a actualidade, os equipos de baloncesto da Asociación Deportiva Xiria foron consolidándose de xeito lento pero con paso firme nos seus respectivos campionatos, ata converterse nun grupo de mozos respectado en todas as canchas da comunidade autónoma.

O club dou o seu gran salto no ano 2005, na tempada 2005/2006, cando o Calvo Xiria acadou o ascenso á liga EBA, entrando no reducido grupo de clubs en competición estatal. Ese ano coincide coa creación da ESCOLA BASKET XIRIA, o club que aglutinaría os equipos de base de XIria, e que ano a ano incrementa tanto o número de participantes coma a súa implicación e colaboración con outras entidades de Bergantiños e A Coruña.

No ano 2007, Básquet Coruña e Escola Basket Xiria asinan un convenio de colaboración, pioneiro no seu deseño, ao propoñer a coordinación das estruturas de base de ámbolos equipos co obxectivo de facilitar a evolución dos xogadores máis prometedores das súas canteiras. Seis xogadores procedentes de Básquet Coruña chegaron a formar parte da plantilla EBA da Escola Basket Xiria.

Nesa mesma liña, o pasado mes de xullo formalizouse a sinatura dun proxecto de vinculación entre os dous clubs representantes do baloncesto carballés, Escola Basket Xiria e Club Baloncesto Artai, o que supón un logro importantísimo para o futuro deste deporte en Carballo e a súa área de influenza, ademais de colocar a capital de Bergantiños como un lugar de referencia na práctica do baloncesto en Galicia.

O traballo coa canteira dende idades temperás, que acada o seu máximo expoñente cada 17 de maio no DÍA DO PEQUEBASKET coa xuntanza en Carballo de centos de nenos procedentes de clubs de toda Galicia, é un dos piares que a Escola Basket Xiria quere reforzar de cara ao futuro, sempre coa filosofía de dar saída aos xogadores máis prometedores de Carballo e manter o traballo cos equipos de base cos principios de máxima calidade formativa e ambición competitiva.