É innegable o noso carácter deportivo pero cada vez máis arroupado e acompañado por unha visión e misión educativa e social, arraigada e consolidada. No que respecta á Área Social, o club considera que ten unha responsabilidade coa contorna social no que impacta a súa actividade e é por iso que desenvolvemos diferentes actividades e iniciativas coa finalidade de achegar á sociedade, aquilo para o que nos consideramos capacitados e para  aqueles cos que sentimos identificados e sensibilizados. 

As iniciativas sociais principais que desenvolvemos desde a Escola Basket Xiria son as seguintes: 

  • Creación do equipo ASPABER Basket Xiria (colaboración coa Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños durante máis de 8 anos) 
  • Colaboración con Cruz Vermella (campaña de xoguetes en Nadal) 
  • Colaboración con Cáritas (campaña quilo/litro), en colaboración con Caritas Interparroquiais de Bergantiños.
  • Sensibilización con diferentes actos e reivindicacións sociais,  especialmente pola Igualdade de  Xénero e a loita contra a violencia de  xénero. A Escola Basket Xiria, en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller)  do Concello de Carballo, incorporou en 2017 nas camisetas das xogadoras do recén creado equipo senior feminino unha imaxe símbolo da necesidade de concienciar neste aspecto a toda a sociedade, empezando polos que temos ó noso redor. De gran relevancia é a sensibilización e educación dos nosos rapaces e rapazas desde tódolos eidos (familia, escola, entidades coma a nosa, etc) sobre a importancia da igualdade nas relacións de convivencia e afectividade tanto no eido persoal como social. Deste xeito, contribuiremos a evitar condutas de violencia ou desigualdade no presente e no futuro.
  • Charlas informativas de concienciación e sensibilización para xogadores, adestradores, directiva e nais e pais, relacionadas coa prevención de condutas  aditivas e de rocha relacionadas  coas novas  tecnoloxías en colaboración coa Asociación Vieiro. 
  • Campaña de recoñecemento, posta en valor e  visibilización do labor de entidades de carácter social da contorna nos descansos dos partidos de Liga EBA: Asociación  Vieiro, Aspaber, Afaber,  Apem, Íntegro, Cruz Vermella, Cáritas  Aloumiños, Un paso  Máis e Asociación Española contra o Cancro, entre outras…
  • Voluntarios de Corazón Verde. Sección dos Voluntarios e Voluntarias que colaboran nas diferentres actividades da Escola Basket Xiria.
  • Basket por Parroquias. Partidos de exhibición e actividades lúdico-deportivas en parroquias do Concello de Carballo, en colaboración cos Consellos Parroquiais de Carballo. 
  • Summer Basket Camp (Campamento de Verán). Ocupación do tempo de lecer e conciliación familiar e laboral). 
  • Día do Pequebasket (evento lúdico para  nenos e nenas  de 5 a 8 anos, celebrándose en 2019 xa a súa 7ª edición, con asistencia de máis de 700  nenos e nenas de toda Galicia).

Finalmente, destacar que son obxectivos e fins do club, potenciar, reforzar e afianzar diversos valores entre os nenos e nenas, mozos e mozas que forman parte da nosa entidade,  facendo a nosa achega ás xeracións futuras, formando o que esperamos no futuro sexan  cidadáns responsables, comprometidos e sensibilizados na construción dun mundo máis xusto, inclusivo e equitativo. É digno de destacar que  moitos  nenos e nenas comezan a súa andaina no club con 5 anos e acompáñannos  en moitas ocasións ata a súa idade adulta. 

De gran relevancia é concienciar, sensibilizar e educar nestes valores aos  nenos e nenas que forman parte dunha entidade como a nosa, e influír positivamente no seu desenvolvemento persoal e nas relacións de convivencia  que manteñen en todos os ámbitos da súa vida: familiar, comunitario, escolar, deportivo, etc.   

“O deporte forxa persoas para a vida”

Share