Ponteceso únese á gran familia do baloncesto

O Concello e a Escola Basket Xiria poñen en marcha unha escola municipal que fará especial fincapé na promoción do deporte feminino

Ponteceso, 2 de setembro do 2015. A familia do baloncesto ten dende onte un membro máis na comarca de Bergantiños. A posta en marcha da Escola Municipal de Baloncesto de Ponteceso xa é unha realidade tras o acordo acadado entre o Concello e a Escola Basket Xiria. “Este proxecto supón a consumación dun traballo iniciado en Carballo, onde temos máis de 350 nenos e nenas federados, e dos proxectos municipais da Laracha, con 100 rapaces, e Santa Comba, con 50. Queriamos que os concellos limítrofes a Carballo tivesen a oportunidade de ofrecer baloncesto, e neste sentido temos que agradecer a boa disposición do Concello de Ponteceso”, manifestou o presidente do club carballés, Diego Vázquez. Na presentación da nova escola tamén participaron Marcos Díaz Molk, directivo da Escola Basket Xria; o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, e o concelleiro de Deportes, Marco Varela, quen amosou a súa satisfacción polo acordo, “porque era algo que tiña en mente antes de chegar ao goberno”, pero sobre todo –engadiu- porque permite “ofrecer unha opción de deporte que non había no Concello e dar unha saída ao deporte feminino que nesta zona non había”. Para Marco Varela este “primeiro paso” ten especial importancia, e agarda que a Escola Municipal de Baloncesto de Ponteceso “teña futuro”.

Escola Baloncesto Ponteceso Firma Acordo

Para acadar ese obxectivo, coincidindo co inicio do curso escolar porase en marcha unha campaña de captación de nenas e nenos nos centros educativos do municipio, co obxectivo a medio prazo de formar un equipo para que os nenos e nenas poidan competir e o proxecto se consolide, e, aínda máis, para converter Ponteceso nunha canteira de “grandes xogadores”. A este aspecto referiuse o alcalde, que destacou a importancia do deporte para fomentar os hábitos de vida saudables, “unha maior sociabilidade e unha mentalidade máis positiva cara a vida”. Lois García Carballido manifestou o compromiso do seu goberno de “traballar polo deporte” e de fomentar a igualdade de xénero tamén a través da práctica deportiva, e para conseguilo, engadiu, é preciso “alimentar esa máquina cun fuel renovado que neste caso é unha organización potentísima como a Escola Basket Xiria”.

García Carballido deu as grazas ao club “por contar con Ponteceso” e louvou o traballo de Marco Varela. “Con este proxecto –manifestou- o noso concelleiro de Deportes meteu unha canastra de tres puntos, porque en moi pouco tempo conseguiu sacar adiante distintos proxectos deportivos”. O alcalde recoñeceu que cando traballaba en Cee sentía certa envexa do club de baloncesto local porque en Ponteceso non existía a posibilidade de practicar ese deporte. “Temos dous pavillóns, e queremos que estean cheos de nenos e nenas e que haxa competicións, porque iso significa viaxar, coñecer xente e implica certa superación. O máis importante, que era iniciar o proxecto, está feito”, concluíu.

Escola Baloncesto colaboracion XIRIA

Share

Deixa un comentario

Deixa unha resposta

Tu dirección de correo no será publicada.


*