Presentada a nova web da Escola Basket Xiria

A nova web da Escola Basket Xiria supón un paso máis no proceso de renovación do club.

Dende as 13.10 horas de hoxe está operativa a nova www.carballobasket.es, unha páxina moderna e facilmente accesible dende calquera dispositivo que supón un paso máis no proceso de “renovación” do club ao que aludiu o seu presidente, Diego Vázquez Reino. No acto de presentación, celebrado nas oficinas da empresa carballesa DONCLIC SOLUCIONES TECNOLÓGICAS, responsable do novo deseño web (ao igual que o fixera coa web do “Día do Pequebasket“) , participaron, ademais do presidente da EBX, o novo directivo Marcos Díaz Molk; o concelleiro de Deportes de Carballo, Marcos Trigo, e o xerente de DonCLIC, Diego Iglesias.

Marcos Díaz Molk explicou o contido da web, que facilitará o seguimento da actividade diaria dos distintos equipos que conforman o club tanto para as máis de cen familias implicadas no proxecto deportivo da Escola Basket Xiria como para o público en xeral. A páxina web será tamén unha das ferramentas de promoción do proxecto de vinculación da EBX co Club Baloncesto Artai, que suporá un incremento da actividade e un maior dinamismo, e ademais converterase nunha plataforma da campaña de captación de abonados que a entidade porá en marcha nos vindeiros días. “Temos que aproveitar a demanda de baloncesto que hai para relanzalo e potencialo”, manifestou Diego Vázquez.

O concelleiro de Deportes, pola súa banda, destacou a importancia de dar a coñecer a actividade que desenvolven as entidades, e nese sentido valorou a nova web como unha estupenda canle de difusión para a Escola Basket Xiria.

Tamén estarán moi presentes na web as redes sociais, xa que nestes momentos o club ten máis de 2.000 fans en Facebook e máis de 300 seguidores en Twitter.

Share