Fin de tempada cos usuarios de Aspaber

Os usuarios de Aspaber e os seus adestradores
Os usuarios de Aspaber e os seus adestradores

Tódolos venres, sobre as 11 da mañá, cruza Carballo un bus cheo de ilusión. Pero poucos o saben. Xa hai dous anos que preto de 20 usuarios do centro Aspaber acoden ao pavillón Carballo Calero para disfrutar do baloncesto. Da man dos adestradores Héctor, Iván e Fabián, que tamén leva o autobús dende o centro de Aspaber ata o pavillón, e coa axuda do Carballo Basket Xiria, aprenden cada día un pouquiño máis sobre baloncesto.
A sesión comeza cun pequeno quecemento. Rodean os conos e lanzan á canastra. Pero xa teñen ganas de xogar o partido. O marcador comeza a contar e todos se enchen de ansia competitiva.

A partir da tempada que ven, eses partidos serán reais. Diego Vázquez, presidente do Carballo Basket Xiria, está apurando os detalles para que o equipo de Aspaber poida competir o ano que vén na liga provincial contra usuarios doutros centros.

xiria5

 

xiria4

 E eles, encantados. Celebran por todo o alto cada canastra que anotan e comproban o marcador para ver o resultado. Acaban cansos, pero se por algún fora, seguirían xogando un bo rato.

Ao ser o último adestramento do ano, os xogadores quixeron ter un bonito detalle co Xiria. Visi e Alejandro, en nome dos seus compañeiros, entregáronlle a Diego Vázquez unha alfombra co emblema do Carballo Basket Xiria, confeccionada por traballadores do centro.

 

Visi e Alejandro entréganlle a alfombra a Diego Vázquez
Visi e Alejandro entréganlle a alfombra a Diego Vázquez, presidente do clube

Belén Muñiz, responsable de ocio e tempo libre en Aspaber, destaca a importancia destas actividades para os usuarios do centro. “É unha moi boa forma de evadirse do traballo diario do centro. Aprenden valores de compañerismo, traballo en equipo e adquiren novos estímulos”.

Visi, Jesús, Ivana, Juan Carlos e Alejandro son algúns dos nomes dos que participan nesta impagable iniciativa. “Xa forman parte da familia Xiria”, como di Diego Vázquez.

 

O equipo, subido ao bus despois de adestrar
O equipo, subido ao bus despois de adestrar