UN ADEUS AO NOSO CAPITÁN…ROI VEGA TORREIRA

A historia da Escola Basket Xiria non se entendería sen Roi Vega Toreirra (A Laracha, 1979). Está a piques de cumprir 30 anos no club, que se di pronto, e é o único xogador daquela época, na que coincidiu co actual presidente, Marcos Díaz Molk, que permanece en activo. Ou que permanecía, para ser exactos, porque, moi ao noso pesar, esta tempada Roi di adeus ás canchas. Atrás quedan tres décadas de experiencias, alegrías, ilusión, compañeirismo e tantas outras cousas que queremos compartir con el nesta entrevista.

CARBALLO. DEPORTES. PARTIDO DE BALONCESTO: XIRIA CALVO -INELGA DE VILLAGARCIA        roi vega e marcos dias molk_3

 

 

 -¿Preparado para pasar á historia da Escola Basket Xiria?

  • A miña maneira de ser non me permite pensar desa maneira. Considérome un máis. A historia de Xiria formámola todos e cada un dos que estivemos no Vila de Noia. Amo tanto este deporte que só o paso do tempo fai que o Roi xogador teña que poñer un punto e final. Teño no momento da miña retirada a mesma ilusión daquel neno de 10 anos que baixaba a costa da Fogar da man do seu pai para facer o primeiro adestramento en Carballo.

-¿Lembras cales eran os teus soños cando empezaches?

  • Creo que simplemente gozaba moitísimo co basket. O meu único desexo era xogar porque era o que me facía máis feliz. Se algo me caracterizou ao longo da miña carreira deportiva creo que foi o meu nivel de competitividade e, consciente das miñas limitacións, tentei minimizalas e potenciar os meus puntos fortes. Considero que alcancei todos os retos que me fun marcando ao longo destes anos.

-¿E cumpríronse?

  • Deportivamente tentei xogar ao máximo nivel e chegar a xogar en EBA con Xiria foi un soño cumprido sen ningunha dúbida.

-¿Con que quedas, aínda que sexa moi difícil elixir, destes 30 anos?

  • Quero quedarme con momentos de felicidade como o ascenso en Pamplona ou as sensacións ao volver a casa despois da miña etapa académica en Madrid. Outro momento que levo no corazón é a retirada do meu número mentres se produciu esa ausencia da que acabo de falar. Exercer como adestrador na EBX e co paso das tempadas ver como eses nenos de 7 e 8 anos formaban parte do primeiro persoal do senior, e velos comigo en pista é tamén un sentimento de satisfacción. É algo moi emocionante. Non me quero esquecer do respecto que me mostraron os meus propios compañeiros tanto ao comezo como junior como ao final sendo veterano, así como os meus rivais e o colectivo arbitral e, por suposto, toda a afección.

-¿A ti tocouche vivir a época dourada, deportivamente falando, do club, pero imaxino que tamén habería momentos de bajón. Para alguén que ao final dedicou a maior parte da súa vida a un proxecto colectivo, como se pode trasladar iso á sociedade actual?

  • Ao final a práctica dun deporte ensínache e moldéache como persoa. Eu creo que o estar en dinámicas de equipo desde moi pequeno deume uns valores de compañeirismo e lealdade que non son precisamente os máis comúns na sociedade actual. O baloncesto deume moitísimas cousas, entre elas algunhas das miñas mellores amizades.

 -¿Que che apetece facer agora?

  • Centrándome só no aspecto deportivo sinto que podería xogar un par de anos máis a bo nivel, pero creo que é o momento de dar paso a novas xeracións. Hai que queimar etapas e creo que a miña como xogador cumpriuse. Poida que non o deixe de todo e xogue a outro nivel porque é algo inherente en min. É a miña paixón e sei que me custará estar sen ese “picorcillo” que che dá a competición, pero de momento non teño nada á vista nese sentido. Só adestrar aos nenos e axudar a preparar o próximo Campionato de España á Selección Galega Cadete Masculina que dirixe “Tito” Díaz. O que si teño claro é que Xiria é a miña casa e todo o que estea na miña man ofrézoo de corazón.

 

 

 

Dende tódolos estamentos do CLUB, queremos darlle as GRAZAS a Roi, polo seu esforzo, traballo, adicación, compañeirismo e bo facer no BA LON CES TO de Carballo e Comarca, así como tamén Galego, co que disfrutamos nestes case 30 anos!!!

 

 

 

 

 

 

 

Deixa un comentario

Deixa unha resposta

Tu dirección de correo no será publicada.


*